Monday 20 de May de 2024

A ESMU Magariños pecha mañá o VIII Festival de Música de Cámara con actuacións grupais que mesturan música clásica e de cinema


O salón de actos do centro social polivalente de Brión acollerá mañá venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, a terceira e última actuación do Festival de Música de Cámara (FECAM 2018), protagonizado por 95 nenos e nenas da Escola Municipal de Música Magariños. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

A diferenza das dúas actuacións anteriores, nas que a música de cámara era a única protagonista, no concerto de mañá mesturaranse pezas clásicas de Morzart con música rock, como o Bohemian Rhapsody de Queen interpretado polo grupo de frautas, e bandas sonoras como Game of Thornes ou Cinema Paradiso, da man da agrupación de clarinetes e saxofóns, respectivamente. De feito, esa será a gran novidade do concerto: os nenos e nenas actuarán en grupos por instrumento (guitarras, frautas, clarinetes e saxofóns) con dúas actuacións máis amplas para grupos de percusión e de metais.

O VIII Festival de Música de Cámara FECAM 2018 está organizado pola Escola Municipal de Música Magariños e conta coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.